:: Ao acto asistiron alcaldes da comarca, corporación tomiñesa e público en xeral ::
O Concello de Tomiño rendeu unha sentida homenaxe á súa antiga matrona, Pilar Baquero Parrilla, no marco dun acto cívico organizado coincidindo coas Festas do Alivio co fin de destacar a traxectoria dun persoeiro ilustre da vila.
O acto tivo lugar hoxe, domingo 14 de setembro ás 11 horas, na Praza do Seixo, e contou coa presenza dos alcaldes dos concellos do Baixo Miño, membros do da corporación local tomiñesa e numeroso público que non quixo perderse a homenaxe, amenizada pola Agrupación Musical de Goián.
En primeiro lugar, tomou a palabra Laura, a neta de Pilar Baquero, para falar en nome da súa aboa, embargada durante todo o acto por unha profunda emoción. Lembrou algunhas das dificultades que tivo para desenvolver o seu traballo de matrona nuns tempos en que había moita pobreza e as comunicacións eran moi malas. Recordou as “moitas veces que me perdín no meu coche en medio da noite e da choiva, buscando unha casa”, ou “os momentos tan duros que pasou Tomiño”. Pero destacou sobre todo, “o cariño con que este pobo me acolleu, e todo o que me deu”. Especial agradecemento para Sandra González, alcaldesa da vila e responsable da homenaxe a Pilar. “Grazas a miña alcaldesa por elixirme, e a que, por certo, tamén vin nacer”, dixo Pilar Baquero.
A alcaldesa, pola súa banda, pechou o acto con palabras de agradecemento a Pilar, a quen definiu como unha persoa sinxela, próxima aos seus veciños e veciñas, con gran capacidade para integrarse nun pobo que non era o seu, e destacou a súa entrega e plena dedicación ao traballo en condicións moi precarias. “Pilar estaba permanentemente de garda e forma parte por todo isto da historia de Tomiño”, sinalou. A rexedora fixo extensiva a homenaxe a “todas as mulleres que co seu traballo anónimo, sendo ao mesmo tempo profesionais responsables e eficientes e boas nais e amas de casa, contribuíron e contribúen, a acadar resultados fundamentais para este pobo”.
Pilar Baquero
Pilar Baquero naceu en Cuenca no ano 1922 en Cuenca. Estudou enfermería e especializouse como matrona. Traballou no Hospital de Maternidade de Madrid. En 1955 casou con Avelino Fernández, veciño de Estás e propietario do Bar-Tenda Avelino.
Pilar Baquero traballou como matrona e practicante en Tomiño durante 32 anos, nos que atendía polas casas, pois non había centro de saúde. Nos primeiros anos non tiña coche propio, polo que se vía obrigada a desprazarse en taxi, ou a depender da xente para chegar aos domicilios particulares.
Máis adiante, mercou un “seiscentos”, que se fixo moi popular entre a veciñanza, e co que protagonizou moitas anécdotas.
Tras algúns anos de traballo en Tomiño, gañou as oposicións en Madrid e conseguiu a praza de matrona en propiedade, coa que se xubilaría en 1987.
A Alcaldía do Concello de Tomiño quere render homenaxe a esta muller que dedicou moitos anos da súa vida a axudar a outras mulleres nunha tarefa que por aquel entón, resultaba moi complicada debido á falta de hospitais e boas comunicacións.