·:·:·: O percorrido será guiado por expertos do Instituto de Estudos Miñoranos :·:·:·
O Departamento de Turismo do Concello de Tomiño organiza unha serie de visitas nocturnas aos petroglifos do Monte Tetón, que terán lugar ao longo dos meses de xullo e agosto.
Continuando coa liña de visitas ao Ecoparque do Monte Tetón iniciada o pasado curso cos escolares da vila, o Concello quere agora facer extensiva a invitación á veciñanza en xeral así como aos turistas que visiten Tomiño durante a tempada estival.
As saídas fanse coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoranos, cuxos expertos son os encargados de guiar ás persoas que desexen apuntarse ao percorrido. Coordinadas por Xosé Lois Vilar, as visitas realízanse de noite, pola razón de que os petroglifos contémplanse con maior nitidez con iluminación artificial, debido a que coa luz do día os debuxos, erosionados polo paso do tempo, aprécianse menos.
Con focos axeitados, proxectando a luz de forma rasante e dirixida sobre os gravados, conséguese unha visión de mellor calidade.
As visitas comezaron con gran aceptación por parte da xente, o pasado venres 10 de xullo, tendo lugar mañá, día 24 de xullo, a segunda das catro previstas. As seguintes serán no mes de agosto (11 e 21).
O punto de reunión é a Praza do Seixo ás 22:30 horas. Dende alí, dirixiranse cara o monte ata o pé do xacemento arqueolóxico, onde se deixarán os coches e se emprenderá a subida ata os dous petroglifos principais: Portaxes e Real Seco. No lugar, os guías explicarán os secretos das enormes superficies gravadas, que teñen a maior combinación de círculos concéntricos de Europa, das coñecidas ata agora.
Para apuntarse ás visitas, pódese cubrir o formulario dispoñible na páxina web do Concello (www.concellotomino.com) ou chamar aos teléfonos 986 62 20 01/03 en horario de 08:00 a 14:00 horas.