·:·:·: Aquele Querido Mês de Agosto, filme de Miguel Gomes, e A miña vida nas túas mans, animación de Nuno Beato, comparten o Grande Premio Filminho :·:·:·
Diana Gonçalves, con Mulleres da Raia, leva o Premio Cinema Minhoto
De porta en porta foi o proxecto seleccionado no Fórum de Criadores para recibir unha achega económica para a súa realización
Ruínas, de Manuel Mozos, Mención de Honra do Tribunal
O Filminho 2009 pechou no Auditorio de Goián (Tomiño) a súa segunda edición coa Gala na que se deron a coñecer os gañadores.
O xurado formado por António Victorino de Medeiros e Almeida, Manuel González, Paulo Manuel Ferreira da Cunha, Antonio Caeiro e Patrick Esteves decidíu entregar dúas fisgas, o galardón do Festival, de “Grande Premio Filminho”. As galardonadas con esta máxima distinción son a longametraxe de Miguel Gomes Aquele Querido Mês de Agosto e a curta de animación A miña vida nas túas mans, de Nuno Beato.
Tamén existía expectación por coñecer quen se levaría a fisga do Grande Premio Minhoto, que recaíu na tudense Diana Gonçalves polo seu documental Mulleres da Raia.
No Fórum dos Criadores, o proxecto seleccionado cunha achega de 2.000 euros de axuda para á súa realización foi De porta en porta, de Lino Fernández, Celso Iglesias e Lisi Fontaiña.
Manuel Mozos, co filme documental Ruínas, acadou unha Mención de Honra do tribunal.
Na ceremonia de clausura desta Festa do Cinema Galego e Portugués tamén recibiu os aplausos do público Édgar Pera, o cineasta lisboeta a quen se lle dedicou unha retrospectiva durante os cinco días de cine que se viviron en Goián e Vila Nova de Cerveira.
Aquele Querido Mês de Agosto
Con Aquele Querido Mês de Agosto, Miguel Gomes fai unha obra de múltiples lecturas sobre a música, o amor e as relacións familiares. Trátase dun filme valente e transgresor de xéneros producido por O Som e a Fúria que leva recollido os merecidos parabéns da crítica en diversos festivais (BAFICI, Las Palmas).
Sinala o Xurado Oficial do Filminho na Acta do seu palmarés que posee: “arroxo creativo da narrativa e orixinal entrelazado de xéneros cinematográficos que desafía e corroe as mais convencionais tentativas de definir unha obra fílmica. Para alén da orixinalidade estética, evidenciase tamén unha sorprendente e impresionante comuñón da obra coa realidade filmada”.
Se o Filminho dilúe a fronteira entre países, o mesmo fai esta película coa que existe entre ficción e realidade. A película do Miguel Gomes, auténtica revelación do panorama audiovisual europeo e, despois do seu paso polo Filminho estrearase en breve en España.
A miña vida nas túas mans
A ficción de animación de Nuno Beato é unha coproducción galego-portuguesa que mereceu o Grande Premio Filminho por: “a excelente calidade técnica presentada, sen que, entanto, esa técnica faga esmorecer as características plástica e visual evidenciadas. O filme tamén sobresale pola abordaxe transversal das realidades e culturas dos dous países ibéricos”.
A miña vida nas túas mans é tamén un exemplo exitoso dos froitos que pode dar a colaboración entre os profesionais dos dous países, unha das metas que marcan o espírito de encontro deste certame.
Mulleres da Raia
Diana Gonçalves,cineasta tudense, conseguíu o Grande Premio Minhoto por un documental sobre o papel das mulleres no contrabando entre os dous países durante boa parte do século XX.
Para o Tribunal: “reforza de forma inequívoca o carácter, a identidade e a filosofia definidas para este festival: Mulleres da Raia contribuiu de forma notábel para rescatar do esquecemento a memoria individual dunha realidade histórica eminentemente transfronteiriza e un patrimonio simultáneamente tan rexional coma universal”.
De porta en porta
Lino Fernández, Celso Iglesias e Lisi Fontaiña, tres xóvenes de Tomiño, foron os seleccionados no Fórum dos Creadores.
Este Fórum é unha iniciativa da Asociación Cultural A Morraceira e do Festival Filminho para apoiar a realización das ideas e proxectos audiovisuais dos novos realizadores cun premio de 2.000 euros.
De porta en porta é un proxecto que indaga nunha tradición das Terras do Miño que tampouco entende de fronteiras. En verbas dos gañadores: “A intención deste documental é dar a coñecer a historia e o presente das agrupacións musicais denominadas “Treboadas”, en Galicia, e “Zés-Preiras”, en Portugal. Contarlle á xente cómo empezaron estas tradicións, como se perderon e como hoxe en día rexurdiron da man dos máis xovenes das comarcas miñotas”.
O xurado do Fórum dos Criadores estivo composto por Martin Dale, Miguel Blanco e Paulo Martins.
Ruínas
No palmarés desta segunda edición do Filminho configurouno tamén a curtametraxe do portugués Manuel Mozos. Este documental “apresentado en forma de “diaporama” mereceu o aplauso do Xurado Oficial polo admirábel traballo de pesquisa, tratamento e madurazón reflexiva; mais tamén pola sensibilidade coa que o ollar da cámara loita contra o devalar do tempo”.
Balance do Festival
O Filminho-Festa do Cinema Galego e Portugués trouxo cinco días de cinema ás ribeiras do río que une aos dous países nunha mostra cultural de indudábel valor transfronteirizo organizado pola asociación cultural Morraceira.
Foron un total de 49 filmes, 35 en competición, proxectados grazas ao apoio dos concellos de Tomiño e Vila Nova Cerveira e outras institucións.
Sería inxusto non lembrar o esforzo, a simpatía e os folgos que aportaron os 30 voluntarios chegados de Galicia e Portugal, ou de países comas Malta, Grecia, Francia, Finlandia ou Ucraína.
Por último, a organización tamén quere agradecer públicamente aos empresarios, hostaleiros, medios de comunicación e particulares que ofreceron facilidades para que este Festival fose unha realidade.