O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, demandou este sábado ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que “deixe de laiarse” e que “convoque á sociedade galega en defensa dun financiamento xusto para Galiza”.
“No canto de propor non se sabe que frentes de comunidades autónomas, o señor Núñez Feijóo debería chamar á sociedade galega a que se mobilice en defensa dos seus dereitos como país, a comezar polo seu dereito a ter un financiamento xusto”, afirmou Guillerme Vázquez durante a súa intervención no curso da XI Festa Nacionalista do Baixo Miño, un acto que se celebra nas vésperas do Día da Patria Galega 09 e no que o portavoz nacional do BNG estivo acompañado, no uso da palabra, polo Responsábel Comarcal do BNG no Baixo Miño, Xosé Manuel Méndez e pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González.