Baixo o lema de “Abril Cultural”, a Concellería de Cultura do Concello de Tomiño, que dirixe o centrista Jesús Castiñeira, dedica o mes de abril aos títeres, tal como fixera co teatro no mes de marzo.
Deste xeito todos os sábados de abril haberá títeres na Casa da Cultura de Tomiño, a partires das seis e media da tarde.
O pasado sábado, 4 de abril, foi Tanxarina a compañía encargada de abrir o ciclo co espectáculo “Contaloucos”, na que a través de tres persoeiros cóntanse historias que falan de agora mesmo con todo o sabor dos contos tradicionais: unha guerra, un trasno o antimilitarismo, o valor da amizade, tres portas e un concurso, sapos e mariñeiros… e unha chea de sorpresas. Historias relatadas con animacións diversas e gran traballo actoral, nun divertido e permanente xogo escenográfico cheo de “gags” imaxinativos e situacións cómicas.
A Compañía Tanxarina foi fundada no ano 1983, por varios ex alumnos de Harry Tozer, profesor de construcción e manipulación de marionetas de fíos, do Institut del Teatre de Barcelona e tamén outros profesionais galegos do teatro infantil.
Hoxe pasa por ser unha das máis afamadas e prestixiosas do seu xénero.
Antes da función, deuse lectura aos traballos que superaron a primeira fase da categoría infantil, do Certame de Contos e Lendas Ramón Piñeiro, organizado polo Concello con motivo do Día das Letras Galegas.
O sábado 11 de abril, actuará a compañía Títeres Tres Globos, e tamén, inmediatamente antes da función se dará lectura aos traballos que superarón a primeira fase da categoría xuvenil do Certame de Contos e Lendas anteriormente referido.
O sábado 18, tamén as 18:30 horas, terá lugar a actuación folclórica, enmarcada no 2º Encontro Cultural da Federación de Veciños Terra Miño, que organiza esta entidade veciñal e que conta cunha programación máis ampla.
Pechará o ciclo Títeres Rivel, o sábado 25 de abril.
Os actos son organizados pola Concellería de Cultura do Concello de Tomiño, en colaboración coa Federación de Asociacións Terra Miño e a Escola Municipal de Teatro, a excepción dos do sábado día 18.