Os estudantes franceses coñeceron Galiza e conviviron cos alumnos/as tomiñeses durante oito días
Durante a mañá do día 18, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, visitou o Instituto de Ensino Secundario da localidade co fin de despedir aos profesores/as e alumnos/as do centro francés de Clermont-Ferrand (Francia), que rematan hoxe a súa visita a Tomiño, no marco do décimo intercambio entre ambas institucións educativas.
A rexedora fixo entrega duns agasallos á comitiva do país veciño, e recibiu o agradecemento por parte da comunidade educativa do centro tomiñés e dos representantes do instituto galo.
A alcaldesa aproveitou a visita para coñecer o equipo do instituto francés que participa co IES de Tomiño e outros centros europeos no proxecto Comenius titulado “Os medios de comunicación, unha canle para Europa”.
Este traballo ten como obxectivo sensibilizar ao alumnado de entre 14 e 17 anos, acerca da súa pertenza a Europa, mediante o uso dos medios de comunicación (prensa, televisión, internet, radio), facilitar o diálogo intercultural, favorecer a educación e desenvolver unha posición crítica cos medios de comunicación.
Os estudantes e docentes franceses foron recibidos no Concello pola alcaldesa de Tomiño e outros membros do goberno local o pasado día 11 de marzo, e dende entón aproveitaron a súa estadía para coñecer varios puntos de Galiza de interese turístico e cultural, e convivir cos seus colegas de ESO do instituto tomiñés.
Os profesores franceses e galegos comentaron que a experiencia lles resulta moi enriquecedora e séntense atraídos pola paisaxe galega e especialmente polo mar, xa que proceden do interior do país veciño.