Nestes días comezarán a traballar técnicos para realizar enquisas aos condutores
A Concellería de Transportes, Tráfico e Seguridade Vial do Concello de Tomiño vén de realizar nos últimos meses unha serie de traballos encamiñados á elaboración dun estudo técnico para verificar a viabilidade do establecemento dun sistema de transporte interparroquial polo concello. A elaboración deste estudo, no que participan diversos técnicos e un enxeñeiro especializado no transporte interurbano, servirá para verificar a viabilidade da instalación dun sistema de transporte entre as diversas parroquias do Concello de Tomiño.
Esta investigación céntrase na definición da estrutura viaria, a localización dos principais usos e dos focos de atraccións, o estudo dos aforos, a realización de enquisas de orixe e destino dos vehículos, e a súa posible aplicación á Axenda 21. Ademais, axudará ao estudo de mobilidade, as cargas e aforos, e a reordenación e planificación do tráfico no concello.
Ao longo destes días, no Concello de Tomiño van traballar diversos técnicos con enquisas dirixidas aos condutores e realizando un control do tráfico; ademais elaborarase unha memoria onde se recollerán as principais conclusións do estudo que se presentará no mes de abril.