O Concello de Tui ten designado ao tudense, Alberto Sereno Álvarez, director xeral do Instituto Xeográfico Nacional, como pregoeiro das Festas de San Telmo 2009. Nado na cidade no ano 1956 e pertencente a unha familia con amplas raigames tudenses, é licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade Complutense e funcionario do Corpo Superior de Administradores Civís do Estado.
Posúe unha longa traxectoria como funcionario público, tendo desempeñado postos directivos no Ministerio de Administracións Publicas, como Subdirector Xeral de Análises Económicos de Comunidades Autónomas, Director Xeral de Servizos e Director Xeral da Función Pública. No Ministerio de Economía e Facenda foi Subdirector Xeral de Recursos Humanos e Organización. Vogal de numerosas xuntas reitoras de zonas de promoción económica de varias comunidades autónomas, conselleiro de diversas empresas públicas como Correos e Telégrafos, Portos do Estado, Transmediterránea, etc. Amais participa en diversos organismos colexiados coma o Comité de Coordinación dos Organismos Públicos de Investigación, a Fundación do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía ou a Xunta Directiva da Real Sociedade Xeográfica.
Actualmente, no Ministerio de Fomento, amais de dirixir o Instituto Xeográfico Nacional preside o organismo autónomo Centro Nacional de Información Xeográfica.
Coa designación deste tudense que ocupa tan altos postos na Administración do Estado evidenciando a súa alta competencia o Concello de Tui continúa, en palabras do concelleiro de cultura Moisés Rodríguez Pérez, apostando na designación de pregoeiro das Festas Patronais dedicadas a San Telmo pola promoción de personalidades locais que teñan salientado na súa actividade, pois ninguén mellor que eles para convidar a veciños e visitantes ás celebracións festivas que neste ano 2009 comezaran o sábado 11 de abril.