A iniciativa ten coma destinatarios a mozos e mozas de entre dezaoito e trinta e cinco anos, que poderán aloxarse en casas de turismo rural
A Concellería de Mocidade do Concello de Tomiño, ofrece a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) a posibilidade de participar no programa de lecer e tempo libre “Primavera Activa”, organizado conxuntamente pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, e a Dirección Xeral de Turismo – TURGALICIA.
O programa levarase a cabo en diferentes casas rurais de toda Galicia, e nel poderán participar mozos e mozas de entre 18 e 35 anos, que se aloxarán nestes establecementos durante as noites de venres e sábado dos meses de marzo, abril e maio. O programa inclúe ademais a manutención completa (venres: cea, sábado: almorzo, xantar e cea, e domingo: almorzo), e o transporte dos participantes desde a casa rural ata o lugar onde se realizarán as actividades.
O programa de actividades, o equipo de monitores e o material para o seu desenvolvemento, están igualmente incluídos no prezo, sendo o desprazamento ata as casas de turismo rural, por conta dos participantes.
O material necesario para participar no programa e que deberán levar os participantes consiste en útiles de aseo, roupa e zapatillas deportivas, prendas de abrigo e chuvia, e calzado forte e cómodo.
As prazas dispoñibles para cada fin de semana será de 24, e o prezo por persoa ascende a 100 euros. Os posuidores de carné xoven ou carné máis terán un desconto do 25%. Para máis información, as persoas interesadas deberán pasar pola OMIX de Tomiño, sita no Campo da Feira, chamar ao número de teléfono 986 62 33 04, ou consultar a páxina http://www.primaveractiva.info/s1.php