:: O orientador do IES de Baiona, Eduardo Ares, será o encargado de asesorar aos pais e nais interesados en mellorar a educación dos seus fillos ::
Tomiño, 19 de xaneiro de 2009.- A Casa da Cultura de Tomiño acollerá o vindeiro venres 23 de xaneiro ás 20:00 horas, a terceira sesión da Escola Municipal de Nais e Pais, organizada pola Concellería de Sanidade e Benestar Social, que dirixe o centrista Pablo Baquero.
O tema desta terceira charla será “Como favorecer unha educación eficaz e promover o éxito escolar”, impartida polo orientador do IES Covaterreña, de Baiona, Eduardo Ares Vieito.
Para facilitar a asistencia de nais e pais, contarase cun servizo de ludoteca, ofrecido por educadoras sociais co fin de coidar dos pequenos durante a actividade.
Para inscribirse e facer uso da ludoteca, é preciso chamar ao número de teléfono 986 62 32 11, ou escribir unha mensaxe ao enderezo electrónico: educacionfamiliar.programa@gmail.com.
Pablo Baquero, responsable da área de Sanidade e Benestar Social, salientou a súa satisfacción pola resposta das familias á primeira e segunda das conferencias, e expresou o seu desexo de que nesta terceira charla se incremente o número de pais e nais interesados.
A Concellería de Sanidade e Benestar Social, ven de enviar aos domicilios familiares, unha carta coa programación para os vindeiros meses. O edil explica nesta comunicación que a escola municipal naceu co fin de axudar ás familias a resolver situacións “que tal vez nunca pensabamos que nos ían suceder”, e ofrece o apoio e a experiencia de distintos profesionais que “poñen a vosa disposición os seus coñecementos, intentando aportar orientación e suxestións”.
No segundo período da escola, abordaranse temas como o éxito escolar, condutas violentas e conflictivas e consecuencias que poden traer; prevención de riscos no fogar, reforzo de condutas e hábitos positivos, e estratexias de negociación na infancia e na adolescencia.