Caride visita a reforma da estrada virxe do Camiño-Mosende, na que Política Territorial investiu 5,5 millóns de euros

o-porrino_caride-mosende

:: A estrada, de 7 quilómetros de lonxitude, coincide en parte co trazado do Camiño Portugués polo que inclúe unha senda peonil e recibiu un tratamento especialmente coidadoso para a súa integración ambiental ::

A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, inaugurou hoxe a reforma da estrada Virxe do Camiño-Cela (PO-342) no treito Virxe do Camiño-Mosende, entre os concellos de Tui e O Porriño. Esta actuación, realizada ao longo de 7 quilómetros, supuxo un investimento de 5,5 millóns de euros.

Esta estrada coincide en boa parte do seu percorrido (ao longo dos seus primeiros 2,1 quilómetros á saída de Tui) co trazado do Camiño Portugués a Santiago, polo que as obras que se realizaron tiveron en conta esta singularidade. Así, construíuse unha senda peonil paralela á estrada e perfectamente separada dela ao longo de toda a súa lonxitude, de xeito que pode ser utilizada cun maior grado de seguridade tanto polos peregrinos como polos propios veciños da zona. No deseño desta estrada tamén se tivo en conta que transcorre por unha zona de interese ambiental, polo que se coidou especialmente a integración paisaxística das actuacións e se incorporaron barandas de madeira en parte do seu percorrido que serven, á súa vez, de barreiras de protección dos viandantes.

Canto á estrada propiamente dita, a anterior calzada estreita, de trazado irregular, con radios de curva reducidos e sen marcas viais deu paso agora a unha calzada de oito metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros e dúas beiravías de medio metro. Igualmente rectificáronse diversas curvas, ampliáronse os pontóns sobre os ríos do Folón e San Simón, repuxéronse os servizos afectados e habilitáronse espazos á marxe da calzada para as paradas dos autobuses dotados das correspondentes marquesiñas de xeito que os usuarios poden acceder ao transporte público en mellores condicións de seguridade. Ademais, cumprindo cos compromisos da CPTOPT en materia de seguridade viaria, trala súa remodelación a estrada incorpora sistemas de protección de motociclistas.

A mellora desta estrada da rede secundaria é importante porque permite dar servizo non só aos desprazamentos entre Mosende, Ribadelouro e Tui senón que dá tamén cobertura ao tráfico que procede de Tui e de todo o Baixo Miño e se dirixe á Universidade de Vigo, o Hospital do Meixoeiro, o0 parque empresarial de Valadares ou Balaídos utilizando así unha vía interior alternativa á autovía. Esta actuación, polo tanto, incrementa a mobilidade e a seguridade viaria tanto dos condutores como dos peóns, contribuíndo así a mellorar a calidade de vida da cidadanía.

Mosende-Chenlo (PO-343)
Xunto con esta actuación agora rematada, a Consellería de Política Territorial está a acometer o reforzo do firme da estrada Mosende-Chenlo (PO-343). Esta vía pode considerarse como un ramal de 2,5 quilómetros da anterior e dá servizo ás parroquias porriñesas de Mosende e Chenlo. Con esta actuación, que require dun investimento de 165.000 euros e que estará rematada nun mes, quedan arranxadas as dúas estradas de titularidade autonómica da zona e cúmprese co compromiso da CPTOPT de mellorar a conservación da rede secundaria de estradas.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: