:: Seleccionáronse cincuenta persoas dun total de mil de toda a comarca ::
Encofradores, albaneis, traballadores da pedra, operarios de fábrica ou do sector agrario, parados de longa, mediana e curta duración, mulleres con problemas de integración laboral, con idades comprendidas entre os 20 e os 50 anos, son os perfís preponderantes no grupo de persoas que forman parte do Plan Experimental de Emprego (PEE) que leva adiante o Concello de Tomiño co apoio da Consellería de Traballo.
A crise da construción deixou a moitos veciños e veciñas do Baixo Miño sen emprego. O caso Marbar golpeou especialmente a Tomiño, polo que o Concello xestionou este primeiro PEE ante a Consellería de Traballo, nun intento de botar unha man aos que quedaron na rúa. Por iso, e aínda que hai xente de toda a comarca, o plan leva por nome Plan Experimental de Emprego para a recolocación dos ex-traballadores do Grupo Marbar e outros.
O obxectivo deste plan é a colocación no mercado laboral de persoas desempregadas a través de diferentes accións individualizadas de busca de emprego.
As técnicas que levan adiante o programa, explican que a selección non foi sinxela, pois tiveron que facer moitas probas e entrevistas para ir conseguindo a xente idónea para o plan. Aínda que case todos teñen experiencia e algunha cualificación profesional, fáltalles formación, por exemplo en informática. Por este motivo estase a impartir un curso nesta materia, que lles permitirá moverse doutra forma no proceso de busca de emprego. Outras dúas accións formativas previstas son un curso para sacar o carné de manipulador de alimentos, que comeza o día 30 de outubro, e outro de carretilleiro, que o fará o día 3 de novembro.
Ademais, cada unha das cincuenta persoas que participan no programa reciben orientación individualizada que inclúe nocións para redactar o currículo, a carta de presentación, buscar ofertas de emprego, contactar coas empresas interesadas, realizar entrevistas de traballo, falar por teléfono por temas de emprego, etc.
Con todo, o máis importante neste momento, é conseguir a sensibilización das empresas da comarca para que apoien a xente inserta no programa a través, por exemplo, da realización de cursos con compromiso de contratación, ou dunha oferta de postos determinados. “Temos unha bolsa de emprego con xente moi válida, con experiencia, que foi seleccionada entre centos de persoas”, explican as responsables do proxecto, mentras fan a labor de orientación e formación, e a de contacto coas empresas da zona.
O lugar onde se desenvolve o programa experimental é o Centro de Formación Ocupacional “O Regatiño”, situado na Baixada ao Regatiño, en Goián (Tomiño), e os teléfonos aos que poden chamar as empresas ou persoas interesadas son o 986 621 420 e o 986 621 328.