:: O certame comezará o día 18 de outubro e continuará nos seguintes fins de semanas ::
A asociación Cultural, Veciñal e Deportiva de Barrantes, en colaboración coa Concellería de Deportes e Lecer do Concello de Tomiño, organiza o I Torneo de Tenis Absoluto Afeccionado, que comezará o vindeiro día 18 de outubro e se estenderá nos seguintes fins de semana ata rematar a competición.
Os partidos, prevíndose un mínimo de tres por cada xogador, celebraranse os sábados de 09:30 a 14:00 e de 15:30 a 19:00 horas, e os domingos, de 09:30 a 14:00 horas. Os encontros disputaranse na pista de tenis do Mosteiro (a carón do colexio Pedro Cáselles), e en caso de choiva, trasladaranse ao Pavillón Municipal de Tomiño.
A organización establece trofeos para os primeiros tres clasificados, que gañarán ademais 100, 50 e 25 euros, respectivamente. Os demais xogadores e xogadoras recibirán un agasallo.
Os horarios de xogo estableceranse o día 17 de outubro ás 21:00 horas no Concello, sendo imprescindible asistir.
O prazo de inscrición remata o día 15 de outubro, sendo as prazas limitadas. O prezo da inscrición é de 5 euros.
Os interesados en participar deben chamar ao teléfono 986 62 29 88 en horario de mañá.
O concelleiro responsable da Área de Deportes, Fernando Álvarez, salientou que na comarca, en xeral, e en Tomiño, en particular, está crecendo de forma considerable a afición o tenis polo que a Concellería tamén aposta por este deporte, dentro da súa vontade de diversificar a oferta. Recorda que fai uns meses se organizou un curso de Tenis que resultou un éxito de participación, polo que está seguro que este torneo tamén o será, anticipando a súa intención de inscribirse e participar como un veciño máis.