Pesca apoia un proxecto para a valorización dos subprodutos que xera a pesqueira do percebe en Baiona, Bueu e A Guarda

:: O Centro Tecnolóxico do Mar participa nesta iniciativa, que se inicia mañá luns coa presentación do proxecto ao sector na sede do centro ::

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos financiará un proxecto sobre a “Xestión Integral da Pesqueira do Percebe” que levarán a cabo as confrarías de pescadores de Baiona, Bueu e A Guarda. Esta iniciativa incluirá unha proposta para a valorización e introducción no mercado dos subproductos desta pesqueira, dando solución á problemática común en toda Galicia de qué facer cos descartes que se xeran nesta actividade. O proxecto, no que está implicado o Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación Cetmar) e na que terán unha participación activa os percebeiros, preséntase mañá mesmo ao sector na sede do Cetmar en Vigo.

Os pósitos implicados nesta actuación artellaron un plan de traballo que inclúe a análise do recurso e da súa comercialización, así como estudos de mercado que, xunto coas labores de coordinación e xestión técnica, correrán a cargo da área de Socioeconomía da Pesca do Cetmar, especializada nos aspectos fundamentais para o desenvolvemento desta iniciativa. O prazo de execución desta acción será de 24 meses, desenvolvéndose entre este ano 2008 e 2009.

Coa idea de dar continuidade ás novas medidas de xestión da pesqueira de percebe, postas en marcha con éxito nos últimos anos polas confrarías de Baiona, Bueu e A Guarda, a intención agora con este proxecto é evolucionar ata chegar a dar solucións a cuestións importantes, como a xeración de percebe residual e a existencia de dúas variedades do recurso sometidas a distinta presión pesqueira. Así, a iniciativa pretende obter información para artellar medidas neste senso, procurando no mercado un espazo para os subprodutos da actividade extractiva, o cal redundará no aumento do rendemento económico desta importante pesqueira en Galicia.

Os obxectivos específicos do proxecto pasan así polo deseño de medidas para unha explotación sostible do denominado “percebe de sombra” (produto de menor tamaño e que acada un menor valor comercial); pola avaliación e definición de mercados e vías de comercialización dos produtos elaborados a través dos subprodutos da pesqueira para unha xestión global da mesma e, finalmente, pola elaboración dun estudo de viabilidade económica que permita escoller a fórmula empresarial idónea para o aproveitamento comercial dos subprodutos.

As agrupacións de percebeiros das confrarías de Baiona, Bueu e A Guarda participarán activamente xunto co Cetmar neste proxecto, aportando información sobre a extracción dos recursos, propoñendo medidas de xestión en base á súa experiencia e enfocando as liñas de actuación cara ás súas necesidades e intereses, o cal poderá traducirse nun modelo de participación transferible a outras confrarías e agrupacións. Formaranse así grupos de traballo, haberá reunións e consultas nas asembleas xerais e organizaranse obradoiros periódicos nas tres confrarías.

Os pósitos de Bueu, Baiona e A Guarda son responsables do 18% da produción total de percebe de Galicia, cun volume de vendas conxunto que no ano 2007 acadou as 73 toneladas. A confraría baionesa atópase entre as catro primeiras produtoras de percebe de Galicia tanto en volume de capturas como en ingresos xerados e conta con 147 profesionais. Bueu dispón de 22 barcos que enrolan a 72 persoas e A Guarda, sexta confraría galega en percebe extraído, xestiona dous plans de explotación, un de extracción a pé con 53 percebeiras e outro de extracción a flote con 19 embarcacións e 23 percebeiros

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: