:: A obra, valorada en 200.000 euros, permitiría acabar cos problemas de presión que afecta á zona na actualidade ::
A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Tomiño vén de solicitar á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia a construción dun novo depósito para abastecemento de auga no núcleo urbano do Seixo.
Esta obra, cun importe de 200.000 euros, permitiría acabar cos problemas de presión que afectan á zona na actualidade, e polo que os usuarios da Rede Municipal de Abastecemento, non teñen garantido o servizo, especialmente, nas plantas máis altas dos edificios.
Asemade, a construción dun novo depósito duplicaría a capacidade de almacenamento, o que posibilitaría nun futuro próximo a creación de novas conexións, coa conseguinte extensión da rede.
O concelleiro delegado de Medio Ambiente, Santiago Vergara, explicou que este novo depósito contribuiría ademais a mellorar sensiblemente a situación dos veciños e veciñas que aínda hoxe se abastecen de pozos propios. Esta práctica incumpre as normativas na materia, e supón un grave risco para a súa saúde. O edil espera que a consellería atenda esta importante demanda para o beneficio de toda a veciñanza tomiñesa.