:: As empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro día 11 de xullo nas oficinas de Xestur Pontevedra. Esta actuación desenvolverase sobre unha superficie de 540.000 m2 cun investimento total de 15,3 millóns de euros ::
Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, licita por 100.000 euros a contratación do Proxecto de Expropiación para o desenvolvemento do Parque Empresarial de Tomiño sobre unha superficie de 540.000 metros cadrados.
As empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro día 11 de xullo de 2008 nas oficinas de Xestur Pontevedra (Praza Maruxa Mallo nº1, 1º, Vigo), sociedade pública adscrita á Consellería. Os pregos de bases, así como o contrato tipo e demais documentación, poderá consultarse tamén en Xestur Pontevedra e descargarse da web www.conselleriavivenda.xunta.es.
Simultaneamente coa adquisición de terreos, a Consellería de Vivenda e Solo está tramitando o Proxecto Sectorial do Parque Empresarial de Tomiño coa previsión de que sexa aprobado definitivamente polo Consello da Xunta na última semana do mes de xullo.
O Departamento autonómico prevé un investimento total de 15,3 millóns de euros para o desenvolvemento desta actuación en materia de solo empresarial, cuxas obras de urbanización se iniciarán no primeiro trimestre de 2009, segundo os prazos previstos.
A Consellería de Vivenda e Solo asumiu o desenvolvemento do Parque Empresarial de Tomiño o pasado mes de marzo, tras unha reunión celebrada en Madrid coa sociedade pública Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), inicialmente encargada do desenvolvemento desta actuación.