Tui presentou a programación cultural do primeiro semestre do ano

tui_programacion-cultural.jpg

:: Comeza o 22 de febreiro, e suporá un investimento de 45 mil euros ::

Foi presentada xa a programación cultural que se vai desenvolver en Tui organizada pola Concellería de Cultura no primeiro semestre do ano. O acto, desenvolvido no Teatro Municipal, correu a cargo do Alcalde, Antonio Fernández Rocha, e o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.

Esta actividade cultural coincide cos 5 anos do Teatro Municipal, motivo polo que dende a Concellería de Cultura faise unha aposta por continuar coa liña elixida ofertando unha programación estable e de calidade, renovando o compromiso e apostando por novos retos cos que seguir contando co respaldo do público.

No Teatro Municipal vanse desenvolver 12 espectáculos entre o 22 de febreiro e o 23 de maio dos que oito son representacións teatrais, hai dous eventos musicais, e dúas obras de danza contemporánea.

No eido teatral cabe destacar que por vez primeira contase en Tui con toda a produción propia do Centro Dramático Galego da temporada grazas a estar dentro do Espazo CDG. O primeiro espectáculo foi “Noite de Reis” en novembro, e agora o Centro Dramático Galego achegará á cidade “Valdemuller” o 29 deste mes, e “Estigma” o 23 de maio, habendo nos días previos a cada espectáculo funcións para escolares.

A programación será inaugurada por Teatro Galileo o próximo venres día 22 coa representación do clásico de Moliére “O Avaro”. O 25 de marzo Caramuxo Teatro aposta tamén por un clásico “Lazarillo” levado á epoca actual e dirixido a un público familiar. Talía Teatro ofrecerá dobre función, o venres 11 e o sábado 12 de abril, de “E tí quen ves sendo?”. Títeres Cachirulo ofrecerá o venres 18 de abril “Do, re, mi Mozart xoga aquí” e o Produccións Acontrabutaca pon en escena o venres 9 de maio “Robin Hood” amabas para público infantil. E cabe destacar tamén a presenza o venres 25 de abril de Teatro de Ningures con “Emigrados”, obra que recibiu o premio MAX 2008 ao mellor texto teatral en galego.

No que se refire aos espectáculos musicais hai unha dobre proposta. O luns 25 de febreiro, e dan de Caixanova, poderase gozar en Tui do musical africano “UMOJA” que está por vez primeira en España, onde chega precedido dunha excelente crítica da súa xira europea. A segunda cita será xa na semana das Festas de San Telmo, o xoves 27 de marzo, co grupo “Ledicia” do colexio Manuel Masdías do Ferrol en concerto.

Tui mantén a aposta tamén pola danza contemporánea, primeiro cunha obra infantil titulada “Menu vexetal” co grupo vigués Disque Danza o 4 de abril. Posteriormente o 30 de abril volve a Tui o Centro Coreográfico Galego, que elixiu Tui, entre as dez cidade galegas as que leva o seu novo montaxe, grazas a magnífica resposta que tiveran con “Vacuo” en marzo do ano pasado. Agora propóñennos un espectáculo multidisciplinar no que mesturan danza, teatro, música en directo, ilusionismo e vídeo baixo o título de “O Kiosco das almas perdidas”.

A programación cultural ten un orzamento de 45 mil euros, dos que o 60%, é dicir, 27 mil euros son aportados polo concello. Cóntase coa colaboración do IGAEM, o Xacobeo e Caixanova.

Toda a programación vén recollida no número 15 da Axenda Cultural “Corredoira” da que se editaron 15.000 exemplares que serán distribuídos en todos os domicilios de Tui, e tamén en lugares público, así coma no norte de Portugal.

Amais da actividade do Teatro a Axenda Cultural recolle tamén outras citas coma a XII Feira de Artesanía que celebrará os días 3 e 4 de maio na rúa Ordóñez, e a XI Feira do Libro que terá lugar na Corredoira o 17 de maio, centrada na homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez. Igualmente dedica espazo a Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, do 12 ao 16 de marzo, así coma o 15º Aniversario da Radio Municipal de Tui. Incorpórase igualmente a programación a desenvolver tanto na Biblioteca Municipal coma na Sala de Exposicións neste primeiro semestre do ano.

A promoción de todas estas actividades faise amais de na Axenda Cultural, ao través das vallas publicitarias que se instalarán no exterior do teatro, con carteis e información que será repartida pola cidade de cada espectáculo, e empregando as novas tecnoloxías coa proxección dun audiovisual na billeteira do Teatro, na web do concello de Tui e por correo electrónico. Esta última opción lembramos que é un servizo gratuíto posto en marcha en setembro polo que se pode recibir toda a programación puntualmente por correo electrónico enviando unha mensaxe a publico.cultura@concellotui.org co asunto “Solicitude de alta”.

O orzamento destinado á promoción da programación ao través das vías antes citadas ascende a 3 mil euros.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: