
Os novos axentes xunto á alcaldesa e á concelleira de Seguridade.
:·:·: Dous dos novos axentes entraron de forma permanente e outros tantos coma auxiliares temporais :·:·:
Catro novos axentes sumáronse esta semana ao cadro de persoal da Policía Local de Tomiño, co que o número de efectivos practicamente duplicouse, pasando de cinco a nove. Dous dos novos policías incorporáronse de forma permanente, despois de superar os correspondentes procesos de oposición, mentres que os outros dous o fixeron coma auxiliares temporais, coa finalidade de reforzar o servizo durante o verán e cubrir as vacacións do persoal fixo.
Os axentes que se incorporaron de xeito permanente son Joaquín Méndez e Antonio Martínez Rocha, que a partires deste momento, integrarán o cadro de persoal estable da Policía Local de Tomiño, dependente do Concello.
Segundo salientou o xefe da Policía Local de Tomiño, José Ramón Álvarez Rivero, é a primeira vez máis de vinte anos que o cadro de persoal ten este número de axentes, xa que as prazas dos policías que se ían xubilando non se repuñan.
Álvarez Rivero indicou que a ampliación de persoal permitirá incrementar o servizo de vixilancia nas rúas, así coma garantir a presenza permanente de polo menos un axente nas oficinas durante o horario de atención diaria (luns a venres, de 08:30 a 22:00 hs., e sábados, de 09:00 a 14:00 hs.).
A ampliación de persoal practicada, ven a sumarse ás melloras logradas co cambio de emprazamento das oficinas, que tivo lugar hai uns meses, e a dotación de novos equipos informáticos e programas, que permiten realizar unha máis rápida e mellor xestión do servizo, ao posibilitar, por exemplo, a comunicación directa coas bases de datos da Dirección Xeral de Tráfico e outras oficinas da Administración.
A concelleira de Seguridade, Tráfico e Transporte, Julia Cascón, salientou “que esta serie de melloras e ampliación de persoal veñen a corroborar o compromiso deste goberno local de reforzar a vixilancia e a seguridade en todo o termo municipal”.
